En Vídeo
En imágenes
A versión actualizada estará dispoñible en liña a partir da vindeira semanaSubstitúe ao texto anterior, de 1997
O novo dicionario da Real Academia Galega estará dispoñible en liña a partires da vindeira semana, segundo adiantou onte o presidente da institución, Xosé Luis Méndez Ferrín. Con esta versión, a Academia galega actualiza o texto vixente ata o de agora, que data do ano 1997, cumprindo un dos seus máximos obxectivos. O anuncio da nova coincide coa primeira visita que o Conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, realiza á sede herculina da RAG dende que se fixera cargo da carteira de asuntos culturais o pasado mes de xaneiro.
Trala reunión con Ferrín —na que se perfilaron asuntos como a celebración do cincuenta aniversario do día das Letras Galegas ou o calendario de iniciativas previsto para homenaxear a Valentín Paz Andrade— o conselleiro comprometeuse a manter un «contacto permanente» coa Academia para tentar mellorar a súa situación, pese á actual crise económica. Ferrín, pola súa banda, tomoulle a palabras recalcando a importancia do «respaldo moral e económico» da Xunta. No encontro tamén estivo presente o actual secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo xunto ao que Vázquez destacou o papel da RAG como «elemento vertebrador do país», aínda que sen pasar por alto a existencia de «discrepancias coa Academia» nalgunhas ocasións.
Á marxe da presentación do novo dicionario da lingua galega —que estará dispoñible «nuns días» na web www. edu.xunta.es/diccionarios— o presidente da Real Academia Galega explicou ante os medios que a institución que preside tamén está a traballar sobre outros proxectos vinculados co eido gramatical e coa onomástica.
Ano de Celso Emilio
Uns e outros, ademáis, valoraron onte a posibilidade de que a Real Academia participe na programación prevista para conmemorar o centenario do escritor Celso Emilio Ferreiro, que responde a un acordo adoptado en outubro de 2011 no Parlamento de Galicia.
A Xunta tamén garantizou o seu apoio económico no tocante aos proxectos de investigación e divulgación lingüística que promove a institución dirixida por Méndez Ferrín. Recordou, tamén, a súa colaboración nos Cursos de verán de Lingua e Cultura galegas para estranxeiros, nos que o pasado ano participaron 100 estudantes procedentes de 11 países.




