En Vídeo
En imágenes
«Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre». Con esta declaración arrancaba Xosé Neira Vilas, en 1961, a novela Memorias dun neno labrego, a obra máis traducida do conxunto das letras galegas e libro de cabeceira para milleiros de rapaces durante máis de cinco xeracións. O seu protagonista, un pequeno nado nunha aldea do interior de Galicia que se ve obrigado a emigrar na década dos anos 40 para deixar atrás a pobreza e a carencia de oportunidades, volve a estar agora de actualidade grazas á interpretación do actor Cándido Pazó.
E é que con máis de sesenta funcións ás súas costas, a obra de teatro baseada na novela homónima supón algo máis que unha simple reactualización da lectura de Neira Vilas. Desta proposta teatral, e coincidindo cos actos de celebración do cincoenta aniversario da súa publicación, o propio creador do texto literario destacou que se trata «dun traballo extraordinario tanto a nivel de posta en escena coma de interpretación», dándolle así o seu visto bo á adaptación de Pazó. O público confirma, co seu apoio, esta apreciación.
Pazó, que interpreta ao pequeno Balbino a través dunha obra «híbrida» entre o monólogo e o teatro unipersonal, recoñece ao referirse a esta adaptación que, «en realidade, éstas son unhas memorias das Memorias dun neno labrego». «O que para min é importante é evocar as cousas que evoca o libro, pero evocar só podo facelo dende a miña lectura particular», apunta. De aí que este polifacético creador entenda esta peza como «unha homenaxe a un autor, a unha idea, a un tempo e a unha condición». Producida por Abrapalabra Creacións Escénicas, un dos elementos máis sobresaíntes da obra é que introduce retrincos de memoria persoal e elementos de humor que logran que o público se manteña vivo e pendente da historia durante toda a representación.
Recolle así o relevo da novela que leva encandilando a novos e maiores dende fai máis de medio século cunha proposta que recorda a estrutura da novela e que se basea na lectura de pasaxes persoais nos que o protagonista perfila a realidade dunha época na que as festas populares, o traballo no campo e a emigración marcaban o devir dos días.
Carácter benéfico
Un ano despois do seu estreno e tralo seu exitoso paso polos teatros de 43 localidades galegas e por salas de Bos Aires, Río de Xaneiro e Basilea, a peza teatral «Memorias das memorias dun neno labrego», inicia a súa segunda tempada en Vigo, onde está previsto que teñan lugar un total de catro funcións entre os días 1 e 4 de febreiro. Todas as representacións desenvolveranse no Centro Cultural Novacaixagalicia da cidade olívica. Así, as función dos mércores, dos xoves e dos venres terán lugar ás 20.30 horas, mentras que a do sábado iniciarase ás 19 horas. Cabe destacar, asemade, que esta última función terá carácter benéfico, polo que toda a recaudación que se consiga a través da venda de entradas doarase finalmente a Unicef. Os pases para as funcións de Vigo están á venda a través da páxina web Servinova a un precio único de 10 euros. Unha boa excusa para comezar o ano no teatro.





