En Vídeo
En imágenes
A capital galega converterase, durante o mes de abril, en sede do encontro internacional «Galician Connection»
A Cidade da Cultura acolleu onte a presentación do proxecto «Galician Connection», que se desenvolverá nas instalacións do Gaiás o próximo mes de abril, en concreto, do día 11 ao 13. Este encontro internacional funcionará como marco de unión de músicos galegos e do mundo como Paquito D 'Rivera (unha das grandes figuras dos ritmos cubanos) ou Guadi Galego e contará cun programa formativo con clases prácticas, debates e un concerto que se celebrará no Museo de Galicia.
Durante a presentación que tivo lugar este venres, o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, e a coordinadora do evento, a gaiteira Cristina Pato, explicaron que este proxecto musical axudará a «establecer relacións entre diferentes tradicións galegas e a world music» co gallo de lograr «unha maior proxección internacional» da música galega.
No evento participarán profesionais punteiros das músicas tradicionais de China, Asia e Arxentina como Wu Tong, Sandeep Dás ou Emilio Solla e destacados representantes da música da Comunidade como Guadi Galego e Anxo Pintos. Tamén estarán presentes neste foro sobre as músicas do mundo directores de festivais internacionais, como o APAP de Nova York, o Festival Internacional de Jazz de Barcelona ou o HUM Ensemble de India.
Programa de formación
As actividades estarán abertas ao público, polo que os interesados terán a oportunidade de participar nun programa de formación «exclusivo» que correrá a cargo de seis mestres de renome. As xornadas tamén incluirán foros de debate sobre a world music, asistencia e ensaios, clases prácticas nas que descubrir novas técnicas instrumentais, e encontros cara a cara nos que os participantes poderán falar cos músicos convidados.
As xornadas reservarán a mañá do venres día 13 de abril para que os inscritos poidan achegarse á figura de Paquito D 'Rivera, un dos grandes da música cubana, fundador do grupo «Irakere» xunto con Chucho Valdés e gañador de múltiples Grammys. Para este encontro internacional haberá 40 prazas a un prezo de 70 euros, 50 para estudantes. A inscrición poderá realizarse dende este venres nun formulario que xa está dispoñible na web www.cidadedacultura.org.
O «Galician Connection» contará, ademais, cunha serie de actividades nas que poderá participar o público non inscrito ao evento, caso do Foro «Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible» que terá lugar o día 11 de abril. Nel abordarase a world music dende o punto de vista da programación. Os interesados poderán comprar as entradas na web do Gaiás a un prezo de 10 euros.




