En Vídeo
En imágenes
Nesta nova edición haberá bonos para os visitantes procedentes de Coruña e Santiago, que poderán desprazarse en AVE e aproveitarse da oferta tarifaria
Aconselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, definiu onte a decimoterceira edición da feira gastronómica «Xantar» como «un escenario perfecto» para a promoción conxunta dos produtos do sector primario de Galicia. Na súa intervención na inauguración da edición do 2012 deste Salón Galego de Gastronomía e Turismo, Rosa Quintana expresou a súa satisfacción ao comprobar que este tipo de certames «contribúen a reforzar a comercialización dos productos», e engadiu que «a gastronomía se perfila como unha aliada estratéxica e representativa do agro galego e dos froitos do mar, que reflicten precisamente o potencial da nosa Comunidade».
A titular de Medio Rural e do Mar estivo acompañada no acto inaugural pola secretaria para o Turismo, Carmen Pardo, quen valorou a Xantar como «a máis grande cita da gastronomía en Galicia», calificándoa como «un referente entre os amantes da arte culinaria». Un evento, dixo, que «ten alcanzado nos últimos anos unha enorme proxección internacional». Ademais Carmen Pardo expresou o apoio da administración turística galega a eventos como Xantar porque «son unha oportunidade magnífica para dar a coñecer o mellor que temos, que son os produtos da nosa terra elaborados e cociñados polos mellores profesionais da cociña galega».
Afondando na importancia de Xantar como buque insignia dos eventos gastronómicos , a secretaria xeral para o Turismo lembrou que «Galicia ofrece a través da súa gastronomía o mellor da súa esencia e o seu caracter auténtico» con máis de 300 festas gastronómicas que impulsan o sector turístico e promocionan os seus produtos con indicación de calidade». Salientou ademais que a gastronomía é a segunda motivación despois da natureza que fai que os turistas escollan Galicia como destino e suliñou o feito de que «en Galicia temos viño de cinco Denominacións de Orixe Protexidas e temos dez restaurantes distinguidos con Estrela Michelín e 18 con Soles Repsol».
Xantar ten nesta edición un total de 133 expositores, entre eles 18 restaurantes (casi todos galegos) que ofrecerán 30 menús con prezos comprendidos entre os 12 e os 32 euros baseados nos produtos autóctonos e contando nesta ocasión con menús para Celíacos nos stands do Inorde e Baixa Limia. Os menús das Festas gastronómicas de Interese Turístico son os do San Froilán de Lugo, a Festa da Langosta de A Guarda, o Entroido de Ourense, o Corpus de Ponteareas ou o Botelo de O Barco de Valdeorras. Tamén hai menú degustación a base de pataca ofrecido polo Inorde e outros menús de Parada de Sil e Ría de Pontevedra-Bueu, que participan por primeira vez así como os das Terras de Celanova, Riós e Parque Natural Baixa Limia–Serra do Xurés. As rexións turísticas portuguesas presentes son Azores que é a «protagonista» desta edición, Douro, Viana do Castelo e a rexión de Lisboa e Vale do Tejo. As comunidades españolas participantes son as atravesadas polo Camiño Mozárabe: Andalucía, Extremadura e Castela e León.
Aproveitando a recente posta en marcha da liña de tren de Alta Velocidade Avant que comunica Ourense con Santiago e Coruña en tempos reducidos, Xantar oferta unha Xornada Gastronómica (sábado 4 ou domingo 5) para as persoas que se acheguen dende estas cidades. Este paquete inclúe viaxe de ida e volta no Avant ata Ourense, recollida na estación, visita guiada á ribeira termal do Miño e ó casco histórico ourensán, entrada ó recinto de Expourense, almorzo nun dos restaurantes de Xantar e participación nas distintas actividades do salón. Todo por 43 euros para os visitantes de Santiago e de 50 euros para os que veñan de Coruña. As reservas poden facerse a través da web www.xantar.org ou chamando ó 988 36 60 30. Os que queiran pernoctar en Ourense teñen outro Paquete Turístico que inclúe noite de aloxamento en hotel de 4 estrelas na cidade ou nun hotel-balneario da Ribeira Sacra e o almorzo ou cea nun dos restaurantes do salón. Todo elo por 75 euros cada persoa.




