libros
Toda a eternidade prometida
Non deixamos de felicitarnos por este delicado traballo de traducción, ao que lle desexamos, como din os versos introductorios da obra, «toda a eternidade e toda a felicidade prometidas»
por manolo do río
Malia non estaren entre os textos máis habitualmente lidos a día de hoxe (alomenos, fóra da lingua orixinal), as obras líricas de Shakespeare teñen un inmenso engado; non maior, quizaves, que o dos sonetos de Edmund Spencer, o auténtico mestre renacentista e inglés desa forma ... métrica importada, de requintado recendo italián, e ligada a tópicos petrarquistas. E antes de Spencer e Shakespeare, o Renacemento inglés xa vira os primeiros experimentos na forma, con textos de Thomas Wyatt ou Sir Philip Sidney.
Mais a maquinaria canonizadora non pode deixar ao lado uns versos do Cisne de Avon que dende a súa publicación, en 1609, nunca deixaron de exercer unha fonda influencia nas letras anglosaxonas e sentar paradigma como modelos de lírica. Este feixe de 154 poemas é explorado exhaustivamente en miles e miles de estudos, dende os académicos ao máis alto nivel ás escolas de primaria e de secundaria, onde os estudantes de moitas partes do globo chegan moitas veces por primeira vez ás formas métricas complexas nestes versiños de Shakespeare. Só por esa relevancia, facíase necesario verquer os poemas á lingua de Rosalía.
Para aqueles que descoñezan as peculiaridades británicas do soneto, os de William fornecen tamén un manual e guía para perplexos. O metro é o pentámetro iámbico (en cada verso 10 sílabas, alternando en parellas de non acentuada – acentuada), que ten a naturalidade eufónica para oídos anglosaxóns que na península ten o romance octosilábico. Outra separación do estilo de Petrarca agocha na forma xeral do soneto: temos 3 cuartetos rematados cun pequenísimo pareado que pecha a mensaxe moral ou oblicua do poema. Hai algunhas excepcións, por suposto, mais contribúen á viveza e a engadir algo de variación e espontaneidade ao que senón constitúe un corsé formal demasiado ríxido.
Malia a orixe petrarquista, e a configurarse como clásicos versos amorosos, moitas interpretacións desenrolan e enfatizan o caracter de lectura crítica e irónica dos tópicos do xénero, que xa estarían bastante esgotados na Inglaterra do século XVI. En parte, pois, pastiche ou parodia dunha tradición tricentenaria, Shakespeare conscientemente invirte os roles de xénero do soneto petrarquista para crear unhas representacións máis complexas e problemáticas no seu espello do amor humano. E non só iso: tamén viola moitas das regras do soneto, que os seus compañeiros rapsodas ata o momento respeitaran: fala de males humanos á marxe do amor (coma no soneto 66), da política contemporánea (124), búrlase do amor (128), fala de sexo abertamente (129) ou parodia a beleza convencional e loira dos soños dos europeos do sur (130).
Do mesmo xeito, Shakespeare non abandona as súas dotes de dramaturgo nen sequera nestes pequenas xanelas de lírica: podemos falar nos poemas de varias «personaxes» que os percorren, alén da voz poética do bardo. E temos, xa que logo, ao «home fermoso» ( Fair Youth ) que é o adicatario de moitos dos poemas, e polo que o autor sinte unha relación de amor platónica que tanto ten desacougado a moitos críticos victorianos por posíbeis ecos de homosexualidade; temos á «señora escura» (Dark Lady) que inspira a paixón sexual e evidente do poeta; e temos tamén o «poeta rival» ( Rival Poet ).
Vindo como veñen estes versos ao final da estela de sonetos á petrarquista, os de Shakespeare constitúen un novo nacer, un prototipo dun novo tipo, «moderno», de poesía amorosa. Mais non sempre ocuparon unha alta posición nos rankings de apreciación: así, ao longo do século XVIII, a súa reputación nas illas británicas era escasa, e no estranxeiro eran descoñecidos. Tan serodiamente como en 1805, a The Critical Review seguía reservándolle o podio do soneto inglés a John Milton. Mais co auxe pola obra de William no Romanticismo, os seus poemas tamén foron subindo escalóns, ata chegar hoxe a unha posición envexábel para calquera compoñedor de versos.
É que a importancia transcultural destes versos ven demostrada polas moitas traduccións, ás que agora se suma a de Ramón Gutiérrez. Nos países xermánicos cóntanse con alomenos 70 traduccións completas dende 1784, e ningunha das linguas máis faladas do mundo carece dunha versión dos Sonnets , incluíndo o latín, o xaponés, o turco o esperanto e (ata o) Klingon! Por todo isto non deixamos de felicitarnos por este delicado traballo de traducción, ao que lle desexamos, como din os versos introductorios da obra, «toda a eternidade e toda a felicidade prometidas»; e mil primaveras para acompañar ao galego na súa andaina.
Esta funcionalidad es sólo para suscriptores
Suscribete
Esta funcionalidad es sólo para registrados
Iniciar sesiónEsta funcionalidad es sólo para suscriptores
Suscribete