Hazte premium Hazte premium

aniversario de cunqueiro

O retorno de Ulises

No centenario do seu nacemento, Álvaro Cunqueiro, segue a alumear as letras galegas cos seus versos, novelas, artigos e variadas frores literarias saídas da súa pluma

O ano de Cunqueiro ARQUIVO ABC

manolo do río

En breve cumpriranse os cens anos: é que Álvaro Patricio Cunqueiro Mora naceu o 22 de decembro de 1911 na episcopal vila de Mondoñedo, fundida nun val entre montañas como unha cunca. Sobre o escenario solemne de vila pequena e antiga catedral, coas ensoñacións ecoantes no fondo das fantasías do bispo Antonio de Guevara, desenvólvese o telón da xuventude de Cunqueiro, fillo tamén dun boticario e nun contexto, polo tanto, que fará de acumulador de fábulas e historias entretecidas polos curandeiros que pasaban polo local paterno, e que semearon un groso humus do que despois medraron as prantas fabulosas, exóticas e colosais do maxín cunqueirián: Pensamos en obras como Escola de Menciñeiros (1960), Xente de aquí e de acolá (1971) ou Tertulia de boticas prodigiosas y Escuela de curanderos (1976).

Tralas primeiras experiencias escolares, a formación do autor vaino desprazar a Santiago de Compostela para comezar a carreira de Historia na Facultade de Filosofía e Letras. A cidade compostelá funcionará de segundo polo mítico, coas densas capas do pasado episcopal e nacional a debullar un tapiz de lendas e de feitos ao seu ollar cobizoso de absorvelo todo. Na mesma cidade, Cunqueiro entra en contacto, alén de con figuras clave da literatura mundial do momento (Yeats, Rilke, Breton, Verlaine e outros vangardistas ), cos galeguistas que se xuntaban no compostelán café Derby: García-Sabell, Torrente Ballester, Carvalho Calero, Luís Seoane, Maside, Colmeiro e moitos outros integrantes do movemento artístico local. Estes contactos estimularon a Cunqueiro a tomar consciencia do país e da lingua.

De volta en Mondoñedo, participou no movemento editorial dos anos trinta promovendo a aparición de varias publicacións (Papel de color, Galiza, Editorial Un...) inseridas no ambiente vangardista da época. Na liña vangardista publicou os poemarios Mar ao Norde (1932), Cantiga nova que se chama Ribeira (1933) e Poemas do si e do non (1933), inseridos moitos dos versos nunha estética neotrobadoresca: a partir da recuperación da riquísima literatura medieval dos cancioneiros (Ajuda, da Vaticana, da Biblioteca Nacional de Lisboa), xurde un –ismo galego peculiar que remota moitos dos temas e das estratexias retóricas e de repetición dos antigos versos (leixa-prén, palavra perduda, ...) mais cun marco actual e vangardista que sabe conxugar o mellor do pasado co mellor do presente.

Noite e Néboa da guerra

A evolución cunqueiriá, como a de tantos da súa xeración, verase truncada polos sucesos do ano 36: temos a súa afiliación a Falanxe en novembro dese mesmo ano, e con isto virá unha etapa na súa escrita de mistificación triunfalista e de adhesión a unha estética fascista máis pola liña do clásico e católico (Dante e Cavalcanti, o Garcilasismo dos poetas falanxistas de Madrigal) que do futurista. Continúa a labor xornalista de preguerra , máis agora activamente coa prensa sublevada: con Era Azul (semanario de Santa Marta de Ortigueira, que el mesmo dirixe), El Pueblo Gallego, de Vigo, Arriba, Y («revista para la mujer nacional-sindicalista»), La Voz de España, Vértice (que se editaban en San Sebastián), Legiones y Falanges (efémera colaboración hispano-italiana) e algunhas mostras máis dos medios informativos da prensa oficial.

En 1943 abandona Falanxe e en 1944 retíraselle o carné de xornalista despois dun incidente coa embaixada francesa. A partir de este momento, calquer vencello co franquismo, di o seu biógrafo Xosé Francisco Armesto «representa descoñecemento ou supón acción malévola». Cunqueiro permanece en Madrid un par de años máis sen poder traballar na prensa, anque colabora esporádicamente en revistas literarias como Finisterre, Posío ou Fantasía. Decide volver a Galicia, instalándose nun auto-exilio persoal na súa vila natal mindoniense. Alí , Cunqueiro, grazas á intervención do seu bo amigo Francisco Fernández del Riego, comenza a colaborar nas prestixiosas páxinas culturais do diario compostelano La Noche —esenciais na recuperación da cultura galega de postguerra—. Amais, os seus artigos comezan a ser habituais nos principais diarios galegos: El Progreso, La Voz de Galicia, La Región, etc., anque será o Faro de Vigo, dirixido daquela por Francisco Leal Insúa, o xornal ligado de xeito máis profundo ao escritor mindoniense.

O retorno de Ulises

O regreso de Cunqueiro ás nosas letras é un verdadeiro retorno de Ulises á Ítaca do idioma natal, onde de aquí en diante desenvolverá boa parte da súa obra, anque sen abandonar a escrita en castelán que lle proporciona abundantes satisfaccións: sinaladamente con Las mocedades de Ulises (1960), Un hombre que se parecía a Orestes (1969, polo que recibiu o premio Nadal) ou a deliciosamente cómica Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca (1972). Na nosa lingua, a súa andaina inclúe varias novelas ( Merlín e familia i outras historias , As crónicas do Sochantre e Si o vello Sinbad volvese ás illas ), libros de relatos ( Escola de Menciñeiros , Xente de aquí e de acolá ...) e imcluso a escrita de pezas dramáticas, como O incerto señor Don Hamlet Príncipe de Dinamarca (1958).

A súa grandísima aportación ás nosas letras rápidamente será recoñecida cunha ringleira de homenaxes. Asi, ingresa na Real Academia Galega en 1961; desde 1978, en que gaña unha bolsa vitalicia da Fundación Pedro Barrié de la Maza, e até a súa morte en 1981, sucedéronse as celebracións: Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela, Pedrón de Ouro do Patronato Rosalía de Castro, homenaxe pública en Vigo...

A superación do concepto tradicional dos xéneros, a intertextualidade e coherencia do seu universo literario, a recreación de figuras e mitos, o tratamento do elemento popular e a incorporación de técnicas propias da oralidade serán os trazos que identifiquen a produción do multifacetado escritor, nunha magna obra que conforma un corpus inzado de coñecementos etnográficos, plásticos, musicais, filolóxicos e literarios. O seu extraordinario testamento poético ficou recollido baixo o título de Herba aquí ou acolá (1980), discutíbelmente, o mellor libro de poesía escrito en galego dende o tempo daqueles trobadores que homenaxeara de mozo; e quizaves, o mellor de toda a historia das nosas letras ata o día de hoxe.

Falabamos dun retorno de Ulises (un dos moitos proxectados poemarios de Cunqueiro que nunca chegou a realizarse, e do que dous poemas sobrevivirían en Herba aquí ou acolá ). Mais pola contra, na literatura galega resulta a día de hoxe imposíbel falar dun retorno a Cunqueiro, con gallo de aniversarios e homenaxes, e isto é así porque nunca marchou. Os seus textos teñen a centralidade do canon e a beleza intemporal do clásico, e prometer alumear en moitos novos amenceres futuras primaveras e engadidos a nosa língua que resiste, e seguirá resistindo, os ataques, as fendas e as covardías daqueles incapaces de valorar o propio e de aprezar as xoias ocultas en cada verba da língua de Rosalía. Como derradeira mostra, uns versos de propio Álvaro Cunqueiro: Todo pende en que ún esteña morto /perguntando póla herba que nasce derriba/coma por un novo corpo máis levián/abaneado pólo vento/que trae e que leva a semente/Herba no monte ou nas rúas da cidade/aquí podían ser os pés dos vagabundos/que ún se soñara nús unha mañán de cedo/Cando vai de memoria á herba/por onde terreas pensativas azas/ caladamente te recomendan.

Esta funcionalidad es sólo para suscriptores

Suscribete
Comentarios
0
Comparte esta noticia por correo electrónico

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Reporta un error en esta noticia

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Muchas gracias por tu participación