cine
«Crebinsky é un filme que racha cos xéneros preestablecidos e nos fai soñar»
A película presentouse onte no Monte Gaiás e estrearase o próximo venres nas salas de toda España
SANTIAGO
A Cidade da Cultura acolleu durante a mañá de onte a presentación da producción galega «Os Crebinsky», unha cinta que obtivo dúas estatuillas a mellor guión novel e a mellor longametraxe no pasado festival de Málaga e que o próximo 8 de abril chegará ás salas de cine. En concreto, a cinta protagonizada por Luis Tosar, Miguel de Lira, Sergio Zearreta e Celso Bugallo, poderá verse en oito cines da Comunidade galega tralo seu paso por numerosos festivais nacionais e internacionais.
Segundo explicou o director da película, Enrique Otero, o éxito recollido en Málaga propiciou dúas novas peticións de copias —unha para a propia Málaga e outra para Valencia— e tamén lle abriu a porta ao mercado internacional iniciando as negociacións para distribuir o proxecto en Rusia, Francia ou Alemania. Para este tipo de mercados, os creadores de Crebinsky apostan —tal e como salientaron durante a presentación oficial— por unha versión orixinal do filme na que teñen cabida cinco linguas distintas, argumentando que traducir a historia sería «matala».
Dous dos productores do proxecto, Tosar e De Lira, destacaron que un dos puntais desta historia «de ternura galega» é o humor que da pé «a todo o universo paralelo de carácter máxico nos que se moverán os seus personaxes». Asimesmo, ámbolos dous coincidiron en que un guión deste tipo ofrece aos actores a posibilidade de interpretar un papel diferente aos que habitualmente encarnan. No tocante á súa presentación nos cines, Tosar destacou que Crebinsky é unha película «para ver na gran pantalla, un emprazamento no que se logra unha comunión especial co público».
Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, non dudou en referirse á cinta como «unha extraodinaria película que crea un universo visual e icónico e que ten moito que ver coa tradición galega». Ao mesmo tempo Varela manifestou que é un film que se move «entre o real e o surrealista, que racha cos xéneros preestablecidos e que nos anima a todos a soñar».
Nazis, vacas e viaxes
A cinta narra as vivencias de dous irmáns que de nenos son arrastrados por unhas choivas torrenciais a un lugar perdido de la costa. Aillados do mundo e dos acontecementos bélicos que os rodean, medran ao pé dun faro sobrevivindo de recoller os peixes que trae o mar. Neste esceario nace o xerme do universo Crebinsky. Sen ningún tipo de compañía, os irmáns construirán un mundo particular, sen reglas «nun universo de realismo fantasioso».
Durante a presentación do filme, o actor Miguel de Lira aproveitou a ocasión para solicitarlle ao conselleiro de Cultura que manteña o mesmo apoio ao sector audiovisual que os seus predecesores. En concreto De Lira indicou que o audiovisual é un sector estratéxico en Galicia, polo que «aínda en tempos de crise se debe seguir con pulso forte e decidido o apoio ao sector, ao igual que fixeron os gobernos de Manuel Fraga e o bipartito». Como resposta á súa petición, Varela asegurou que o audiovisual galego pode contar co apoio da Consellería de Cultura «ao cen por cen».
Esta funcionalidad es sólo para suscriptores
Suscribete
Esta funcionalidad es sólo para suscriptores
Suscribete