O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Casares Long, avogou onte por buscar financiamento «en tódalas partes» para manter o actual sistema de universidades, aínda que rexeitou «decidir» baseándose nas directrices que marca a demanda do mercado. «Se nos axustásemos á demanda do mercado, nos últimos 10 ou 15 anos estariamos a preparar xente para a industria da construción, do ladrillo e de auxiliares destas».
Así de contundente foi o reitor compostelán nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España, na que defendeu o traballo das universidades «cunha visión a longo prazo, baseada en mirar o futuro e crear coñecemento». Tras sinalar que esta é unha etapa «difícil e complexa» no económico, ante a cuestión de se vai necesario unha aposta polo capital privado o reitor da USC apostou por «buscar recursos en tódalas partes», aínda que fixo fincapé en que «a parte máis importante» provén «da subvención pública que permitiu crear en España unha clase media». «Temos que ser moi coidadosos en distinguir o que é a demanda da sociedade, que é a que temos que atender, e a demanda do mercado, que temos que considerar, pero non decidir baseándose nela», remarcou Casares Long en canto á posibilidade de axustar a oferta educativa á demanda.
Número de titulacións
A unha pregunta sobre o número de graos existentes na universidade galega, que conta con 140, Casares Long apuntou que «o primeiro é que a oferta que fai a universidade nos seus graos e postgraos sexa de calidade», ao que agregou que coa reforma de Bolonia «se fixo un exercicio de racionalizar as titulacións de grao». En canto ao número de carreiras con poucos alumnos matriculados, dixo que «son moi poucas» e que «se está a finalizar o proceso dun cambio revolucionario de modelo de ensino e aprendizaxe». Engadiu sobre o mapa de titulacións que «cos resultados dun ano ou de dous non se pode tomar unha decisión ao respecto», aínda que deixou claro que a universidades teñen que buscar «o rendemento social» para aproveitar os recursos públicos. Así, explicou que ao cambiar as clases maxistrais por clases interactivas e seminarios, «con menos alumnos por clases pero sen aumento de equipos de profesorado», ao seu xuízo, «xa se está a facer un traballo cunha gran produtividade».
En canto aos fondos cos que conta a USC, Casares Long asegurou que «é imposible» reducir os recursos destinados a persoal, xa que o ve como «o activo principal» da Universidade, xa que se fixeron «esforzos para que non sufrise ningunha modificación». Segundo lamentou, «non hai unha cultura de doazón por parte daqueles que estudaron na universidade» como «acontece nos países anglosaxons». No referente ao acordo dos tres grupos parlamentarios para aumentar o presuposto das universidades, dende o 0,7 por cento ao un por cento do PIB en 2015, Casares Long sinalou que esa proposta «é ilusionante e permite mirar ao futuro», aínda que pediu empregar os mesmo criterios que hoxe para esta medición.




