Jueves
, 28-01-10
A Xunta, a través das secretarías xerais de Modernización e Innovación Tecnolóxica, de Familia e Benestar; e da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, colaborará no proxecto «O Camiño dos Satélites» que, promovido pola Fundación Tecnología Social, busca facer accesible a ruta xacobea ás persoas con diversidade funcional. Neste sentido, «O Camiño dos Satélites», que nace con vontade de permanencia no tempo, promoverá durante este Ano Santo diversas iniciativas, entre as que destaca unha peregrinación polo Camiño Francés.
A mesma, encabezada polo músico Serafín Zubiri, sairá de Roncesvalles o próximo 2 de outubro, chegando a Santiago de Compostela o 3 ou o 4 de novembro. Ademais, a iniciativa presentada onte incorporará, entre outras cousas, a tecnoloxía GPS e GPRS aos peregrinos participantes na devandita ruta, permitindo saber a súa precisa ubicación en cada instante. Os informes de accesibilidade ou as audio-guías para persoas con diversidade funcional, así como a emisión do documental «El Camino con Serafín Zubiri», son algunhas das actividades que se realizarán.
Todo para configurar un plan que, como apunta a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, configúrase como unha iniciativa con «especial relevancia», supoñendo un «exemplo claro das enormes posibilidades de integración da tecnoloxía e as persoas». «As novas tecnoloxías -engadiu- constitúen un motor de innovación con capacidade potencial de transformar os nosos modos de vida. A inclusión dixital de todas as persoas e a aplicabilidade destas tecnoloxías para abrir máis oportunidades e romper muros que ata o de agora parecían infranqueables debe ser, sen dúbida, unha máxima no desenvolvemento tecnolóxico», afirmou.
Idea compartida, tamén, polo director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, quen sinalou a importancia dun proxecto que «vai contribuír a converter o Camiño de Santiago nun lugar accesible para todos, e moi especialmente para as persoas con diversidade funcional, que tamén teñen todo o dereito a desfrutar da experiencia única que é a peregrinación polo Camiño de Santiago». Así mesmo, explicou Santos, a iniciativa súmase «a outro traballo que se ven facendo dende hai anos», como é a adecuación «do Camiño Francés» a todo tipo de peregrinos, contando xa «doce albergues accesibles, namentres que se está a traballar para incrementar día a día o seu número».
Unha colaboración decidida Pola súa banda, a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, fixo fincapé en que as novas tecnoloxías, especialmente as relacionadas coa informática e as comunicacións, «deben contribuír a dotar dunha maior autonomía ás persoas con discapacidade». Por iso, sinalou que o Goberno galego apoia cunha «colaboración decidida» este programa.


