O actual responsable da institución cre que non sería ético reformar os estatutos para poder concorrer a unha posible reelección

Miércoles
, 18-11-09
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro, anunciou onte que a institución terá novo mandatario antes de final de ano, ao tempo que confirmou que non se presentará á reelección do cargo «nin aínda que se cambiasen os estatutos».
Así o apuntou diante dos medios durante a presentación do congreso en homenaxe a Ramón Piñeiro, que terá lugar dende mañá e ata o próximo día 20 en Santiago de Compostela. Ademais, advertiu que non apoiará persoalmente ningún dos candidatos que se presenten.
«Hai que acostumarse a que as institucións se renoven», comentou Barreiro, quen insistiu en que «eticamente» non vería con bos ollos unha reforma dos estatutos para poder continuar. «Non hai ningún outro motivo para a miña marcha», sinalou non obstante.
Preguntado por se marcha satisfeito co labor realizado durante os últimos oito anos á fronte da RAG, Xosé Ramón Barreiro indicou que «se fixo un bo traballo». O aínda presidente da Real Academia Galega referiuse ao congreso co que a institución homenaxeará a Ramón Piñeiro como un acto «obrigatorio», ante un intelectual que, na súa opinión, merece «este congreso e moitos máis». Na mesma liña mostrouse o membro do comité científico encargado da organización do evento, Xosé Luis Axeitos, quen non dubidou en afirmar que Ramón Piñeiro é unha figura «fundamental» pola súa influencia na «actual concepción de Galicia».
Barreiro Fernández é doutor en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma, licenciado en Filosofía e Letras e doutor en Historia pola Universidade de Santiago. Na súa traxectoria no ensino exerceu coma catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na universidade compostelana, da que foi decano da Facultade de Xeografía e Historia. O 20 de decembro do ano 2001, Barreiro sustituiu a Francisco Fernández del Riego na presidencia da Real Academia Galega. Dentro da súa producción académica, destacan no campo xurídico «El origen litúrgico del Derecho Canónico» e «La estabilidad del beneficio». No tocante á temática histórica, é autor, entre outros títulos, de «El carlismo gallego» (1976); «Historia contemporánea de Galicia» (1982); «Liberales y absolutistas en Galicia (1808- 1833)»; e «Historia da Universidade de Santiago de Compostela» (1998-2002). Tamén foi coordenador de «A gran historia de Galicia» (2007).
Entre os premios que ten recibido están o Premio da Crítica de 1982, ou o Premio Televisión Española en Galicia (1988).


