Lunes
, 16-11-09
A Xunta de Galicia a posto en marcha unha versión inicial da súa nova páxina web institucional, no que constitúe o primeiro fito visible do desenvolvemento do proxecto «Galicia na rede». Este programa, que foi aprobado polo Consello o pasado mes de xullo, continuará a desenvolverse nos vindeiros meses co obxectivo de establecer un novo modelo da presenza da Administración pública galega na Internet.
O redeseño conceptual e visual de www.xunta.es busca converter o portal institucional na ferramenta de referencia da Administración fronte á cidadanía, un primeiro paso cara á nova posición da Xunta en internet, orientada a resaltar a súa misión como canle de información e servizos públicos á sociedade. O obxectivo é facilitar o acceso da cidadanía a toda a información e servizos da Xunta.
A primeira versión da nova web institucional supón unha reestruturación dos contidos existentes, co obxectivo de resaltar as áreas de servizos. Así, a nova web implica a reordenación das áreas de portada, a reestruturación das páxinas interiores e a incorporación dunha enquisa cara ao cidadán. Este cuestionario pretende obter información sobre o perfil do cidadán que se achega á Xunta a través da internet, así como dos servizos que agarda recibir a través desta canle desde a Administración pública.
A planificación do proxecto «Galicia na rede» prevé que a comezos de 2010 estea xa dispoñible unha nova web institucional coa nova orientación como canle de comunicación co cidadán e como presenza da Administración e de Galicia na Internet. A partir dese momento, desenvolverase un plan específico de traballo con cada consellería, coa colaboración das distintas áreas, para acadar o obxectivo común de ofrecer mellores servizos aos cidadáns.
Ademais do redeseño da páxina web, o proxecto «Galicia na Rede» implica todas as web vencelladas á Administración autonómica e está sendo dirixido pola Secretaría Xeral de Medios e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e, co obxectivo de abordar as seguintes fases do programa, constituirase unha Comisión de Coordinación Web da Xunta de Galicia.


