Lunes, 03-08-09
A Agência Nacional do Cinema do Brasil (Ancine) fai pública a apertura dun novo prazo para a presentación de solicitudes para proxectos de ficción ou animación ao Fondo de Coprodución Galicia-Brasil. Ancine abre un novo prazo para a presentación de proxectos de ficción e/ou animación que rematará o próximo 17 de agosto do exercicio en curso.
Os proxectos solicitantes deberán ser coproducións galego-brasileiras, sendo posible a participación dun coprodutor dun terceiro país. Ademais, deberán ser presentados a Ancine por parte das empresas minoritarias brasileiras, que deben posuír como mínimo un 20% da propiedade da obra audiovisual. A comisión de selección reunirase novamente en setembro para avaliar os proxectos presentados neste segundo prazo habilitado ao efecto.
Proxectos seleccionados
O pasado 8 de xuño reuniuse o comité de avaliación do Fondo na cidade de Rio de Janeiro valorando un total de 9 proxectos, 4 documentais e 5 longametraxes de ficción, que acreditaron, unha vez máis, a consolidación das relacións comerciais e compromisos adquiridos ao longo destes anos entre as institucións audiovisuais de Galicia e Brasil. Dos proxectos presentados resultaron seleccionados, na categoría de documental, recibindo unha axuda conxunta de ambas institucións, o proxecto «Brasil somos nós», de Keltia Produccións, S.L. (participación galega do 80%) e Bossa Nova Films Criacoes e Producoes, Ltda. (participación brasileira do 20%).
Dirixido por Robert Bellsolá, «Brasil somos nós» é un documental que amosa como Carlos Núñez, recoñecido músico galego de sona internacional, se enrolará na aventura de buscar os restos do seu bisavó, José María Núñez, que emigrara de Galicia a Brasil en 1904 para logo desaparecer misteriosamente. Nesta viaxe de indagación, non só atopará novas sobre o seu bisavó, senón que se empapará da cultura e música brasileira na que descubrirá sorprendentes similitudes que mesturan influencias galaico-portuguesas e africanas.
Na categoría de ficción, resultou apoiado por parte do Consorcio Audiovisual de Galicia o proxecto «Onde está a felicidade?», producido por Filmanova Invest, S.A. (participación galega do 41 %) e de Pulsar Producoes Artísticas E Culturais, Ltda., (participación brasileira do 59%). Baixo a dirección de Carlos Alberto Riccelli, relata a historia de Teodora, brasileira que terá que facer fronte a unha crise vital: a perda do seu posto de traballo coma presentadora de televisión e a fin do seu matrimonio. Será entón cando emprenderá unha viaxe cara a España detrás dun novo obxectivo: facer o Camiño de Santiago, na procura da felicidade...
Por mor da falta de subsanación dos proxectos nos prazos establecidos, quedou deserta esta categoría por parte de Ancine. É por iso que Ancine abre un novo prazo para a presentación de proxectos de ficción e/ou animación. Actualmente estase a traballar na preprodución dos dous filmes elixidos, que teñen prevista a rodaxe en localizacións de ambos territorios que abarcan, entre outras, desde Salvador de Bahía, Río de Janeiro ou Sao Paulo (en Brasil), ata Mondariz, Vigo ou Santiago de Compostela (en Galicia), pasando por escenarios tamén próximos para a nosa cultura como Portugal e Marrocos.


